Redogal

Rede de observadores do medio mariño galego

A creación dunha Rede de observadores do medio mariño galego (Redogal) pretende ser unha ferramenta da Xunta de Galicia para o seguimento e vixilancia da vida mariña de Galicia. As condicións do medio mariño sofren continuos cambios xa sexan naturais ou antropoxénicos, inducidos polo home. Os seres vivos actúan como bioindicadores destes cambios dos ecosistemas, polo que é necesario establecer unha rede de seguimento e vixilancia da vida mariña utilizando como ferramenta o concepto de “Ciencia cidadá”.

Imaxe do mar e das rochas

A quen vai dirixida?

A todas as persoas que desenvolven actividades vencelladas co mar: pescadores profesionais e deportivos, mergulladores, técnicos mariños, xestores de parques nacionais, xestores de reservas mariñas e de pesca, científicos e investigadores, turistas e demais cidadáns.

Cales son os obxectivos?

O obxectivo principal é detectar e avaliar a presenza de especies mariñas que puideran ser indicadoras de cambios ou alteracións do ecosistema mariño. Isto inclúe tanto a presenza de especies raras ou pouco frecuentes como alteracións nas especies xa coñecidas (cambios na distribución ou na abundancia, malformacións, presenza de parásitos, etc.).

O establecemento da rede de observadores constitúe unha ferramenta de gran interese científico porque permite facer un seguimento en tempo real dos ecosistemas mariños de Galicia contribuíndo ao coñecemento dos cambios e alteracións motivados por distintos factores como son a introdución de especies exóticas, o quecemento das augas, a acidificación dos océanos, contaminación, etc.

A Redogal articúlase en varios obxectivos

1. Establecer un rexistro histórico das especies bioindicadoras que permita analizar e predicir os danos potenciais sobre os ecosistemas e obter unha información veraz para que a administración poida elaborar plans de xestión eficaces.

2. Maior acceso á información, tanto ao cidadán como ás institucións interesadas coa fin de que contribúan ao coñecemento global da biodiversidade mariña e a súa protección e conservación.

3. Crear unha base de datos pública sobre biodiversidade mariña, coa incorporación de novos rexistros á lista de especies mariñas de Galicia (LEMGAL) creada recentemente e a aportación de exemplares ás universidades e organismos científicos para o seu estudo.

Cales son as ferramentas?

Unha plataforma dixital composta por unha páxina web e unha aplicación para dispositivos móbiles de balde, dispoñible tanto para Android como iOS.

Módulos

Esta Rede estrutúrase, en catro módulos:

1. Perfil do usuario que rexistra ou identifica as especies.

2. Mapa e visor de avistamentos, onde se visualizan os rexistros debidamente identificados previa validación técnica.

3. Guía de identificación de especies mariñas de Galicia, con fotos e textos que permitan ao observador a identificación de especies.

4. Protocolo de recollida da información e dos exemplares.

5. Novas, onde manter informado ao cidadán dos descubrimentos máis relevantes.