Trinchesia ocellata (Schmekel, 1966)
Descrición
Avistamentos
Descrición:
Pequeno nudibranquio que pode chegar a alcanzar os 15 milímetros de lonxitude. O seu corpo é alongado e agúzase cara a unha cola moi en punta. Na cabeza, destacan os tentáculos orais curtos e os rinóforos longos, lisos e esveltos. Os cerata son alongados, en forma de pinga, e están dispostos en oito grupos pares; os dous primeiros pares sitúanse simetricamente e, a partir do segundo, dispóñense asimetricamente, aínda que os situados no lado dereito están máis adiantados. No primeiro grupo, os cerata dispóñense aliñados en tres filas, posteriormente fano só nunha. Os cerata son translúcidos e deixan ver a glándula dixestiva de cor parda a amarelo escuro. O corpo é de cor amarela pálida cunha liña de pigmento branco que percorre lonxitudinalmente o centro dorsal, desde a cabeza ata o último grupo ceratal. Normalmente, finaliza de forma descontinua ata a punta da cola. Os tentáculos e os rinóforos son transparentes cunha mancha de pigmento branco que pode cubrilos na súa maior parte ou só os seus ápices. Os cerata son translúcidos, co ápice de cor vermella opaca e unha banda de puntos brancos opacos baixo este.
Hábitat e bioloxía:
Desde 1 a 40 metros, sobre fondos rochosos con hidrozoos, dos que se alimenta. Cítase asociado a hidrozoos dos xéneros Dynamena, Sertularella, Halecium, Dycoryna, Obelia, Eudendrium e Podocoyne. É unha especie hermafrodita que se reproduce na primavera. A súa posta é un cordón ovíxero estreito e transparente, de marxes algo rugosas.
Distribución:
Desde o sur de Noruega ata o Mediterráneo, incluídas as Azores.

Especies semellantes:
Cuthona thompsoni (F. J. García, López-González & García-Gómez, 1991): aínda que esta se caracteriza por ter dous pares de manchas laranxas na superficie anterior dos cerata.
Curiosidades:
O nome da especie guernei púxoselle en honra a Jules de Guerne, Jules Germain Malotau (1855-1931), barón de Guerne, xeógrafo e zoólogo francés, especialista en copépodos e presidente da Societé Zoologique de France en 1890