Tedania (Tedania) urgorri

Nome científico

Tedania (Tedania) urgorri (Cristobo, 2002)

Nome común
Non establecido
Reino
Animalia
Filo
Porifera
Clase
Demospongiae
Subclase
Heteroscleromorpha
Orden
Poecilosclerida
Familia
Tedaniidae

Descrición

Avistamentos

  • Tedania (Tedania) urgorri
  • Tedania (Tedania) urgorri
  • Tedania (Tedania) urgorri

Descrición
Esta esponxa presenta unha característica aparencia exterior crateriforme, con bases irregulares pero tendentes a formas circulares ou elípticas, que pode chegar a alcanzar os 20 centímetros de diámetro e ata 10 centímetros de alto nas formas tubulares. As súas paredes laterais son cuneiformes, de grosor decrecente desde a base duns 15 milímetros de grosor, ata o bordo superior duns dous milímetros. Na parte exterior presenta grandes poros inhalantes de forma estrelada, mentres que no interior do cráter presenta multitude de ósculos dun milímetro de diámetro que recobren de forma regular as paredes interiores. Cor laranxa ou laranxa amarelada.

Hábitat e Bioloxía
Desde os 25 ata os 80 metros de profundidade, sobre fondos de rocha granítica. En superficies verticais e inclinadas, e ás veces en horizontais. O seu hábitat pode estar caracterizado por unha luz de intensidade decrecente, o cal dá lugar a unha escaseza de organismos phytobentónicos, con pequenas algas calcarias e vermellas. Posiblemente a súa cor estea en función da luz recibida e os exemplares máis expostos á luz son de cor laranxa máis escura.

Especies semellantes
A súa forma tubular e a súa cor rechamante fana inconfundible nos fondos mariños da Comunidade Autónoma de Galicia.

Distribución
O noroeste da Península Ibérica. Descrita de augas da ría de Ferrol, actualmente encontráronse exemplares por toda a costa galega.

Curiosidades
O nome da especie, urgorrii, foille posto en honra do profesor de zooloxía na Universidade de Santiago de Compostela, Victoriano Urgorri Carrasco, director da tese que o autor da descrición estaba realizando neses momentos.

 

 

 

-8.8286306851188,42.186007846044@692