Veretillum cynomorium

Nome científico

Veretillum cynomorium (Pallas, 1766)

Nome común
Non establecido
Reino
Animalia
Filo
Cnidaria
Clase
Anthozoa
Subclase
Octocorallia
Orden
Pennatulacea
Familia
Veretillidae

Descrición

Avistamentos

  • Veretillum cynomorium
  • Veretillum cynomorium
  • Veretillum cynomorium

Descrición
Colonia cnidaria branda, carnosa, cilíndrica e erecta, coa parte superior redondeada e a inferior máis ou menos cónica, que pode chegar a acadar uns 60 centímetros de alto. Está formada por un pólipo primario moi modificado que forma o eixe da colonia e do que van xurdindo de forma irregular por xemación os diferentes pólipos, excepto na zona do pé, o cal enterra no substrato e que lle serve para ancorarse a el. Os pólipos, que poden retraerse totalmente no interior da colonia, son de dúas clases: os antozooides dispostos de forma irregular, que poden chegar a alcanzar os 40 milímetros de longo, de cor branca translúcida, con oito tentáculos pinnados rodeando a súa abertura oral, cuxa función é alimenticia, e os sifonozooides dispostos normalmente en filas lonxitudinais, moito máis diminutos e numerosos que os primeiros, cuxa función é repartir a auga polo interior da colonia, introducindo auga para elevar a colonia ou sacándoa para retraela. A cor da colonia varía entre a branca amarelada, amarela, laranxa ou avermellada, con iridiscencias ou translúcido.

Hábitat e Bioloxía
Desde os 10 aos 260 metros de profundidade, sobre fondos de area, cascallo, area lamacenta ou lodo. Para fixarse ao fondo enterra no sedimento a parte inferior, que carece de pólipos e ten forma aguzada, a cal despois de enterrarse se expande para ancorarse. A colonia dispón dun curioso sistema «hidráulico» que lle permite manter a colonia erguida sobre o sedimento. En fondos que lle son propicios pode chegar a formar verdadeiros campos. 

Especies semellantes
Cavernularia pusilla (Philippi, 1835),
as súas colonias son moito máis pequenas, os seus antozooides son
relativamente máis longos, translúcidos e co eixe central lonxitudinal de cor marrón opaca.

Distribución
Do sur das Illas Británicas ata o Mediterráneo.

Curiosidades
O nome da especie, cynomorium, é unha palabra latinizada que deriva do grego Kynomóriom, que está composta polos epítetos Kynós (‘can’) e móriom (‘pene’), e que significa ‘pene de can’. Refírese á forma da colonia.
No ano 1996, tras un peculiar concurso de ideas entre os mergulladores do centro de mergullo Hydronauta de Ribeira, foi bautizado co nome de «cenoria de mar», como unha forma de denominación máis compresible para os mergulladores. Na actualidade está totalmente estendida esta denominación entre os mergulladores de todo o territorio nacional.

 

-8.816827975583,42.246970939157@730