Felimare tricolor

Nome científico

Felimare tricolor (Cantraine, 1835)

Nome común
No establecido
Reino
Animalia
Filo
Mollusca
Clase
Gastropoda
Subclase
Heterobranchia
Orden
Nudibranchia
Familia
Chromodorididae

Descrición

Avistamentos

  • Felimare tricolor
  • Felimare tricolor
  • Felimare tricolor

Descrición:
Nudibranquio de forma estilizada e alongada, lixeiramente máis ancho na súa parte anterior, que pode chegar a alcanzar os 35 milímetros de lonxitude. A cor de fondo do manto e do corpo é azul escura. O manto está rodeado por un bordo de cor laranxa que pode volverse branco nos extremos do animal, na cabeza e na parte traseira. A zona central do manto presenta unha liña que vai desde o centro dos rinóforos ata a parte traseira das branquias, ás que rodea, e continúa detrás ata cerca do bordo posterior do manto, de cor branca nos exemplares novos, que tende a amarelo nos adultos. A ambos os lados desta liña central adoita haber manchas azul turquesa redondeadas ou alongadas e perfectamente aliñadas. Pode presentar tamén unha fina liña branca en cada unha das metades do manto, entre a liña central e o bordo deste. Nos laterais do corpo hai tamén unha liña lonxitudinal abrancazada ou amarelenta que rodea a papila xenital formando un anel ao seu redor. Estas liñas únense na cola formando unha liña central.

Hábitat e bioloxía:
Desde a zona intermareal ata os 100 metros de profundidade, sobre fondos rochosos, como paredes verticais, entre rocas ou baixo pedras, ricos en esponxas e invertebrados. Presentan entre 2 e 5 glándulas defensivas no bordo posterior do manto e ocasionalmente tamén no seu bordo anterior, á altura dos rinóforos. Illáronse do seu corpo metabolitos secundarios, como a longifolina, extraídos do seu alimento, e esponxas do xénero Dysidea (Dysidia avara e Dysidia fragilis), cunha clara función defensiva ao seren expulsados ao exterior.

Distribución:
Desde o golfo de Biscaia ata o Mediterráneo oriental, incluídas as Illas Canarias, as Azores e Madeira.

Especies semellantes:
Felimare fontandraui (Pruvot-Fol, 1951). A liña central lonxitudinal do seu manto finaliza en forma de áncora diante dos seus rinóforos e o bordo do manto presenta unha ancha banda plana.
Felimare villafranca (Risso, 1818). Presenta varias liñas lonxitudinais no seu manto, que poden ser continuas ou descontinuas e unirse ou permanecer separadas. Os xuvenís desta especie si que poden ser facilmente confundidos con Felimare tricolor.

Curiosidades:    
O nome da especie tricolor é una palabra composta por dous termos latinos: tri (‘tres’) e color (‘color’) e fai referencia ás tres cores que presenta.

-8.7774078986845,42.225494836994@729
-8.7777568116981,42.226261571835@744