Polycera kernowensis (Driessen et al., 2021)
Descrición
Avistamentos
Descrición:
Nudibranquio de cor branca translúcida, que pode chegar a alcanzar os 20 milímetros de lonxitude. O seu noto, que é estreito e non presenta bordo, é liso e presenta unha rede de espículas dispersas. Na parte frontal da cabeza, o veo oral posúe 8-9 procesos tentaculares, e excepcionalmente 10. Os rinóforos carecen de vaíña rinofórica, son mazudos, cun pedúnculo curto e robusto sobre o que presentan unha zona lamelada. O penacho branquial está formado por un máximo de 7 plumas branquiais unipinnadas ou parcialmente multipinnadas, unidas por unha membrana común nun círculo rodeando a papila anal. A cada lado das branquias presenta un proceso papilar posbranquial simple. O pé é estreito, na súa parte anterior forma esquinas en punta e está engrosado formando un dobre bordo, que na súa parte central parece estar unido ou cunha lixeira amosega. Na súa parte posterior, forma unha longa cola en punta. As branquias, rinóforos e papilas son de cor amarela viva. Presenta unha liña amarela que, desde as branquias, se estende ata o final do pé.
Hábitat e bioloxía:
Vive en augas pouco profundas, desde os 8 ata os 35 metros de profundidade, sobre fondos rochosos e con lodo. Aliméntase de briozoos como Bicellariella ciliata e Scrupocellaria sp. Na primavera realiza as postas que, como todos os demais nudibranquios, coloca sobre o seu alimento. Estas consisten nunha cinta xelatinosa de ovos brancos disposta nun simple bucle, no que apenas se solapan os seus extremos.
Distribución:
Desde as Illas Británicas ata Portugal.
Especies semellantes:
Polycera faeroensis (Lemche, 1929). Foi descrita recentemente. Os seus rinóforos teñen 18-19 lamelas, o veo frontal pode presentar ata 14 apéndices, o penacho branquial pode chegar a estar formado por ata 11 plumas branquiais e cada proceso posbranquial presenta entre 2 e 5 tubérculos.
Polycera quadrilineata (O. F. Müller, 1776). Adoita ter manchas ou liñas sobre o seu dorso e só presenta 4 procesos tentaculares na parte frontal da súa cabeza.
Trapania tartanella (Von Ihering, 1886). Só presenta dous tentáculos orais, ten apéndices extrarinofóricos e o seu penacho branquial conta cun maior tamaño.
Curiosidades:
O nome da especie kernowensis deriva do antigo nome de Cornualles (kenow), en Inglaterra, onde é común atopar esta especie.