Simnia spelta (Linnaeus, 1758)
Descrición
Avistamentos
Descrición:
Este pequenísimo gasterópodo ten un tamaño máximo de 15 milímetros de lonxitude. A cuncha é alongada, fusiforme, en forma de ovo e coa espiral encerrada pola última volta de espira. A abertura, que é alongada e ten enfrontadas as canles anal e basal, presenta o beizo exterior acampanado e sen dentes nos beizos. Non ten opérculo. A superficie exterior da cuncha é lisa, brillante e de cor branca ou lixeiramente rosada, aínda que cando o animal está activo recobre a cuncha cos lóbulos parapodiais cuxa cor está directamente relacionada co alimento, o que lle serve de camuflaxe.
Hábitat e bioloxía:
Desde os 2 aos 60 metros de profundidade sobre gorgonias, das que se alimenta, especialmente Leptogorgia sarmentosa e Eunicella verrucosa. Presenta sexos separados con fecundación interna e a cópula realízase coa femia encima do macho. Reprodúcese entre maio e setembro. As súas postas consisten nunhas diminutas cúpulas translúcidas xelatinosas con múltiples ovos diminutos brancos no seu interior e dispostas rodeando a rama da gorgonia, o seu alimento.
Distribución:
Desde o norte da Península Ibérica ata as Illas Canarias, incluídas as Azores e o mar Mediterráneo.
Especies semellantes:
Simnia aperta (G. B. Sowerby II, 1849). A súa cuncha é de cor amarronada, proporcionalmente máis grosa. A cor do animal vai do marrón claro ao amarelo amarronado e atópase sobre alcyónidos, dos que se alimenta.
Simnia nicaeensis (Risso, 1826). Algúns autores consideran que non se distingue da Simnia spelta. Presenta unha cuncha máis esvelta, delgada e fráxil, o animal é de cor branca con manchas amarelas e presenta tubérculos de forma cónica no seu manto.
Curiosidades:
O nome da especie spelta é un termo latino que lle daba nome a unha variedade do trigo, a espelta, e fai referencia ao parecido da cuncha deste gasterópodo co gran desta variedade de trigo.