Thymosia gyernei (Topsent, 1895)
Descrición
Avistamentos
Descrición:
Esponxa incrustante que pode aparecer como unha fina lámina ou como unha masa lobulada sobre superficies rochosas e alcanzar un tamaño de ata 70 centímetros de diámetro. A súa consistencia é sólida, parecida á goma, e a súa superficie, lisa ou lixeiramente ondulada, ás veces elévase en proxeccións angulares como consecuencia de organismos enquistados, tales como bálanos de mar ou hidrozoos. O seu aspecto lembra un puré de patacas. Os ósculos, dun pequenísimo tamaño (1-2 milímetros), están dispersos pola súa superficie, normalmente ao longo das cimas dos lóbulos. Ten numerosos poros microscópicos que cobren toda a súa superficie, excepto nas proximidades dos ósculos. Cor exterior branca agrisada, interior laranxa ou gris pálido.
Hábitat e bioloxía:
Desde os 10 ata os 30 metros de profundidade, normalmente entre os 15-25 metros, sobre superficies verticais, baixo saíntes, en covas ou gretas, de forma moi rara sobre superficies rochosas horizontais ou expostas.
Distribución:
Desde o sur das Illas Británicas ata o sur da Península Ibérica.
Especies semellantes:
Stryphnus ponderosus (Bowerbank, 1866). Normalmente, presenta formas claramente lobuladas e unha capa superficial extremadamente fina.
Curiosidades:
O nome da especie guernei púxoselle en honra a Jules de Guerne, Jules Germain Malotau (1855-1931), barón de Guerne, xeógrafo e zoólogo francés, especialista en copépodos e presidente da Societé Zoologique de France en 1890