Amphilectus fucorum (Esper, 1794)
Descrición
Avistamentos
Descrición
Esponxa extremadamente polimórfica, dependendo das condicións ambientais e da profundidade, e de rápido crecemento, pode cambiar de forma nunhas semanas. O tamaño pode variar duns poucos centímetros cadrados a varios decímetros cadrados e ata uns 15 centímetros de alto nas formas ramificadas. Pode tomar forma de finas láminas incrustantes, montículos, masivo lobulada ou ramificada. A superficie é áspera, cos ósculos repartidos por toda a esponxa na cima de montículos (tipo «volcán») no caso das formas incrustantes ou en series lineais e só lixeiramente elevados no caso das formas lobuladas. Os ostiolos perforan toda a superficie da esponxa dándolle un aspecto espumoso. A súa consistencia é suave, delicada e moi flexible, cunha lixeira contracción. O seu tacto é suave e a esponxa rompe facilmente, tamén é moi comprimible. A súa cor é un intenso vermello alaranxado.
Hábitat e Bioloxía
Desde a liña de baixamar ata os 40 metros de profundidade, en lugares abrigados ou zonas expostas, sobre rochas ou baixo pedras, pode medrar sobre hidrozoos erectos ou sobre tallos de laminaria.
Especies semellantes
Ophlitaspongia papilla (Bowerbank, 1866): é unha especie exclusivamente recubrinte. Sobre a súa superficie presenta numerosos ósculos, dispostos de forma regular e seriada, que nunca se elevan fistulosamente sobre a súa superficie.
Distribución
Desde o norte de Noruega ata o sur de Portugal.
Curiosidades
O nome da especie, fucorum, é un epíteto latino que deriva de fucus (especie de alga) e que se refire á súa frecuente inclusión entre este tipo de algas.