Berthella plumula (Montagu, 1803)
Descrición
Avistamentos
Descrición
Gasterópodo de forma ovalada, convexo e de aparencia fráxil, que pode chegar a alcanzar os 40 milímetros de lonxitude. O seu manto presenta un característico reticulado dorsal que lle dá aparencia porosa e que consiste en pequenas depresións que varían de forma cando o animal está en movemento. A cuncha, interna e cuberta polo manto, é delgada, translúcida, incolora ou ámbar pálido e chega a alcanzar a metade da lonxitude do animal; a apertura ocupa case a totalidade da súa superficie ventral. Na súa parte dianteira presenta dous rinóforos enrolados lonxitudinalmente situados sobre o veo oral, o cal é de forma trapezoidal coa parte máis ancha cara a diante. A branquia, que está situada nunha prega, entre o manto e o pé, do seu costado dereito, está formada por unha simple pluma branquial bipinnada cunhas 20 láminas a cada lado da súa raque. É de cor amarela pálida, alaranxada a branca e o manto, ademais do típico debuxo reticulado, adoita ter debuxado un círculo no seu centro.
Hábitat e Bioloxía
Desde a zona intermareal ata os 20 metros de profundidade, en fondos rochosos ou de cascallo ou area con rochas, baixo pedras ou cunchas. É unha especie nocturna que se alimenta da esponxa Oscarella lobularis, sobre a cal o seu aspecto reticulado e o debuxo da súa parte central dorsal que semella un ósculo lle proporciona unha perfecta camuflaxe. Cando é molestada, ten a capacidade de segregar, por unhas células presentes no seu manto, unha especie de ácido defensivo.
Especies semellantes
Berthella aurantiaca (Risso, 1818), é lixeiramente menor e o seu manto, cuxa coloración é moi uniforme, amarela ou alaranxada, é rugoso, pero nunca presenta reticulado nin forma oscular no centro do seu dorso.
Berthella stellata (Risso, 1826), é máis pequena e o seu manto é translúcido, co que deixa ver na súa parte central a súa pequenísima cuncha e no centro do dorso presenta a característica marca branca en forma e «X» ou «Y».
Berthellina edwardsii (Vayssière, 1897), é dun tamaño maior, a súa cor é de laranxa a laranxa avermellada uniforme e non presenta reticulado nin forma oscular no centro do seu dorso.
Distribución
Desde Noruega ata o Mediterráneo.
Curiosidades
O nome da especie, plumula, é un termo latino que significa ‘pluma pequena’, posiblemente en referencia ao aspecto da súa branquia.