Calliostoma zizyphinum

Nome científico

Calliostoma zizyphinum (Linnaeus, 1758)

Nome común
Non establecido
Reino
Animalia
Filo
Mollusca
Clase
Gastropoda
Subclase
Vetigastropoda
Orden
Trochida
Familia
Calliostomatidae

Descrición

Avistamentos

  • imaxe
  • imaxe
  • imaxe

Descrición:
Gasterópodo de cuncha cónico-regular, co ápice en punta, lados rectos e base plana, de ata 3 centímetros de alto por outros 3 centímetros de diámetro. Excepcionalmente, pódese atopar algún exemplar de ata 35 milímetros. A cuncha está formada por 8-10 voltas de espira planas separadas por un groso cordón situado na parte superior da sutura. Presenta unha ornamentación de estrías espirais máis ou menos marcadas, con claras etapas de crecemento. Na súa base, que é moi plana e non presenta embigo, destaca unha abertura relativamente grande, oblicua, de forma máis ou menos cuadrangular, que se pecha por medio dun opérculo córneo circular cando o animal se refuxia no interior da cuncha. O animal ten unha cabeza cun fociño papillado e dous longos tentáculos, cada un deles cun ollo na súa base. Rodeando o pé, ten 4-5 pares de tentáculos epipodiais, cuxa función é sensorial. A súa cor é moi variable: amarelada, agrisada, marrón, rosa pálido ou violeta, con raias e manchas de cor marrón, vermella ou púrpura. As manchas no cordón que separa as voltas de espira son xeralmente máis escuras e máis frecuentes e dispóñense de forma máis regular ca noutros lados da cuncha. Tamén se poden atopar exemplares de cor totalmente branca ou violeta.

Hábitat e bioloxía:
Desde a liña de baixamar ata os 300 metros de profundidade, sobre fondos rochosos, sobre pedras e rocas. Aliméntase basicamente de algas e esporadicamente dalgúns invertebrados sésiles. Presenta sexos separados e fecundación interna. Reprodúcese na primavera e no verán.

Distribución:
Desde o norte das Illas Británicas ata as Illas Canarias, incluído o Mediterráneo.

Especies semellantes:
Calliostoma conulus (Linnaeus, 1758). É de tamaño lixeiramente menor, as voltas de espira da súa cuncha son lisas e o animal é dunha rechamante cor laranxa.
Calliostoma granulatum (Born, 1778). As estrías espirais que decoran as voltas de espira da súa cuncha son granulosas e o animal é de cor crema con manchas dispersas en marrón.
Calliostoma laugieri (Payraudeau, 1826). É de menor tamaño e as voltas de espira da súa cuncha son lisas.

Curiosidades:    
O nome da especie zizyphinum deriva do termo latino zizyphus (‘azofeifeira’), en referencia ao pretendido parecido coa froita desta árbore.

-8.9363791596739,42.585041548113@722
-8.3481239783497,43.381180052977@748