Cliona viridis

Nome científico

Cliona viridis (Schmidt, 1868)

Nome común
Non establecido
Reino
Animalia
Filo
Porifera
Clase
Demospongiae
Subclase
Heteroscleromorpha
Orden
Clionaida
Familia
Clionaidae

Descrición

Avistamentos

  • Cliona viridis
  • Cliona viridis
  • Cliona viridis

Descrición
É unha esponxa perforante, como todas as do seu xénero, que pode desenvolverse con formas masivas, como montículos, incluso con formas subesféricas ou globosas, e delgadas capas, ou como papilas e pequenos parches que xorden do substrato onde cavan as súas galerías, podendo chegar a alcanzar tamaños de máis de 50 centímetros. A súa superficie está irregularmente lobulada e provista de cristas superficiais que delimitan zonas crateriformes de diámetro variable. Os ósculos, que son grandes, duns 10,5 milímetros de diámetro, redondos e están elevados por un bordo que se fai máis delgado gradualmente, sitúanse de forma irregular sobre cristas altas sobre a superficie da esponxa. De cor parda verdosa ou verde amarelada, esta esponxa perfora a rocha calcaria e converte o seu crecemento en masivo cando o logrou; o seu interior é de cor amarela. A súa cor é o resultado da simbiose cunhas algas microscópicas moi simples, as zooxantelas, por iso en lugares moi pouco iluminados poden presentar unha cor abrancazada pola ausencia destas algas.

Hábitat e Bioloxía
É unha especie sublitoral que se encontra entre os 5 e os 50 metros de profundidade, fixa a rochas e pedras calcarias estables en zonas de correntes moderadas de marea. É un animal hermafrodita que pode reproducirse de forma sexual ou asexual. Esta esponxa presenta unha enorme capacidade rexeneradora. Como todas as esponxas, aliméntase do plancto contido na auga que filtra.

Especies semellantes
A súa característica forma e cor fana inconfundible entre as esponxas perforantes das nosas augas.

Distribución
Desde as costas atlánticas francesas ata o Mediterráneo.

Curiosidades
O nome da especie, viridis, é un epíteto latino que significa ‘verde’ e refírese á cor desta especie.

Estas esponxas en vida poden ser prexudiciais para outro tipo de organismos, en especial os moluscos, pola súa capacidade de disolver o calcio; pero, cando morren, convértense en pequenos ecosistemas que son aproveitados por crustáceos e vermes.

 

Non hai avistamentos