Corynactis viridis (Allman, 1846)
Descrición
Avistamentos
Descrición
Anémona pequena, solitaria ou reunida en colonias de moitos individuos que medran moi apiñados e cobren extensas superficies. O seu corpo é cilíndrico, na súa parte basal presenta o disco pedio co que se fixa ao substrato, cun diámetro de aproximadamente 10 milímetros, e na súa parte superior sitúase o disco oral de forma circular, no centro da cal está a boca con forma cónica que se eleva sobre este. Teñen uns cen tentáculos que se dispoñen en tres círculos no disco oral e as súas dimensións diminúen de fóra a dentro (os máis interiores son moi curtos); os tentáculos, que son de forma cónica, curtos e finalizan nun engrosamento en forma de bóla (acrosfera), conteñen cnidocitos usados para evadir os seus inimigos ou para capturar as súas presas. A cor pode ser moi variada: verde, rosa, violeta, azul; cos extremos dos tentáculos (acrosferas) de diferente cor.
Hábitat e Bioloxía
Desde a superficie ata os 100 metros de profundidade, tapizando paredes rochosas, substratos artificiais ríxidos (pecios, por exemplo) e incluso sobre outros animais sésiles. Desenvólvese en condicións de hidrodinámico acentuado (correntes e ondada) e escasa luminosidade. A súa reprodución pode ser asexual ou sexual; no primeiro caso a reprodución ten lugar por escisións lonxitudinais, pero os individuos que se forman así non se separan sempre, e poden quedar unidos por un fino bordo ao tecido basal (isto explica as extensas superficies que cobre a especie coa mesma cor).
Especies semellantes
Aínda que presenta unhas grandes diferenzas na súa coloración, pola súa forma é inconfundible.
Distribución
Desde o oeste das Illas Británicas ata o Mediterráneo.
Curiosidades
O nome da especie, viridis, é un epíteto latino que significa ‘verde’ e refírese á cor dos espécimes usados para a súa descrición.