Diaphorodoris alba

Nome científico

Diaphorodoris alba (Portmann & Sandmeier, 1960)

Nome común
No establecido
Reino
Animalia
Filo
Mollusca
Clase
Gastropoda
Subclase
Heterobranchia
Orden
Nudibranchia
Familia
Calycidorididae

Descrición

Avistamentos

  • Diaphorodoris alba
  • Diaphorodoris alba
  • Diaphorodoris alba

Descrición
Pequeno nudibranquio que pode chegar a alcanzar os 12 milímetros de lonxitude. O seu corpo é aplanado e de forma ovalada, co manto recuberto de protuberancias cónicas espazadas; por todo o seu dorso presenta unha especie de reticulado, formado polas espículas que podemos observar por transparencia do manto. Ten un par de longos rinóforos lamelados que pode retraer totalmente no interior dunhas vaíñas rinofóricas que teñen 2-3 pequenos tubérculos cónicos no seu bordo. O penacho branquial está formado por 3-5 follas branquiais unipinnadas, coa central notoriamente máis desenvolvida e dirixida cara a diante. A cola, que é ancha e aguzada, case de forma triangular, sobresae amplamente pola súa parte traseira e presenta o eixe central lonxitudinal claramente elevado. A súa cor corporal é branca translúcida, co bordo superior e inferior do manto amarelo, os rinóforos e branquias son da mesma cor que o manto, cos seus ápices e raque das branquias de cor branca opaca; dúas liñas brancas percorren o bordo do pé, unha a cada lado, para unirse no final da cola cunha liña central lonxitudinal da mesma cor que discorre polo seu eixe  central lonxitudinal.

Hábitat e Bioloxía
Desde os 5 ata os 50 metros de profundidade, sobre fondos rochosos como paredes verticais pouco iluminadas e ricas en esponxas e briozoos. Aliméntase de briozoos como Cellepora pumicosa, Crisia, Smittina reticulata, entre outros. A súa posta é cinta xelatinosa con escasos ovos brancos de pequeno tamaño.

Especies semellantes
Diaphorodoris luteocincta (M. Sars, 1870), coa que ata hai pouco se sinonimizaba e que un estudo xenético separou no 2016, presenta o manto bordeado por unha cinta submarxinal amarela, lixeiramente rota e bordeada por unha banda branca translúcida.
Diaphorodoris papillata (Portmann & Sandmeier, 1960), sobre o seu dorso presenta papilas vermellas redondeadas.

Distribución
Desde o sueste de Inglaterra ata o Mediterráneo.

Curiosidades
O nome da especie, alba, deriva do epíteto latino albus (‘branco’) e refírese á súa cor corporal.

 

 

 

-8.8735999506751,42.501653358565@808