Diaphorodoris papillata (Portmann & Sandmeier, 1960)
Descrición
Avistamentos
Descrición:
Pequeno nudibranquio que pode atinxir un tamaño de 10 milímetros. Presenta un corpo aplanado co manto de forma ovalada, máis ancho na súa parte anterior que na posterior, recuberto de papilas dixitiformes de gran tamaño que poden dividirse dicotomicamente no seu ápice ou preto da súa base. Ten un par de longos rinóforos lamelados, con 12-14 laminiñas, que poden retraerse parcialmente no interior dunhas vaíñas rinofóricas provistas de 1-3 pequenos tubérculos no seu bordo. Os ollos atópanse na base dos rinóforos. O penacho branquial, que rodea a papila anal pola súa banda anterior, está formado por 5-6 follas branquiais unipinnadas, e as tres anteriores, en especial a central, son as de maior tamaño. Aos lados da boca, presenta dous avultamentos ou lóbulos que se corresponden cos tentáculos orais. A cola, que é ancha e con punta aguda, case de forma triangular, sobresae amplamente pola súa banda traseira e presenta o eixe central lonxitudinal elevado e de cor branca opaca. A súa cor é branca translúcida, minuciosamente punteada en branco opaco, co manto orlado por unha franxa de cor amarela e coas papilas dorsais totalmente vermellas ou vermellas coa base branca. Os rinóforos e as branquias son da mesma cor que o manto, cos ápices e raques das branquias de cor branca opaca.
Hábitat e bioloxía:
En fondos duros, normalmente a menos de 15 metros de profundidade, en paredes verticais protexidas e pouco iluminadas, ricas en esponxas e briozoos. Aliméntase de briozoos como Smittina reticulata. Son animais hermafroditas que se fecundan de forma cruzada e, para iso, no seu costado dereito presentan o órgano copulador usado para a fecundación.
Distribución:
Desde as costas de Portugal ata o Mediterráneo e nas Canarias. Existe un rexistro no Cantábrico (Ávila, 1993), aínda que na actualidade se considera dubidoso.
Especies semellantes:
Diaphorodoris luteocincta (M. Sars, 1870): o seu manto presenta uns tubérculos cónicos de cor branca ben espazados e, entre eles. unhas manchas de pigmento vermello.
Curiosidades:
O nome da especie, Papillata, é un epíteto latino que significa ‘que ten papilas’, en clara referencia á súa superficie dorsal.