Edmundsella pedata (Montagu, 1816)
Descrición
Avistamentos
Descrición:
Nudibranquio que normalmente non excede os 20 milímetros de lonxitude. Os rinóforos e os tentáculos orais son aproximadamente da mesma lonxitude, e os primeiros son lisos ou lixeiramente rugosos. Os ollos, visibles como un pequeno punto negro, sitúanse na base dos rinóforos. Presenta 6-7 grupos de ceras a cada lado do seu dorso, dispostas ao longo do seu corpo; cada grupo, composto por 2 ou 3 ceras, parten dunhas expansións laterais do corpo, das que están máis desenvoltas as do primeiro grupo. O seu corpo é de cor rosa violáceo translúcido, co ápice dos rinóforos e tentáculos orais de cor branca irisada. A glándula dixestiva, que se estende polos cerata pode variar de cor marrón clara a marrón escura, alaranxada ou vermella, segundo o alimento dos animais. O pé é transparente.
Hábitat e bioloxía:
Desde os 5 ata os 40 metros de profundidade, sobre fondos rochosos, en zonas lixeiramente expostas, con preferencia por paredes verticais con pouca luz. Aliméntase de briozoos como Flustra foliacea, e de hidrozoos como Obelia geniculata. Son animais hermafroditas que se fecundan de forma cruzada. As cópulas realízanas a finais de primavera, realizando as postas durante os meses de verán. Deposita as súas postas sobre o seu alimento e estas consisten nun fino cordón ondulado de ovos de cor branca.
Distribución:
Desde o sur de Noruega ata o Mediterráneo, incluídos Os Azores
Especies semellantes:
Flabellina affinis (Gmelin, 1791), os seus rinóforos son fortemente lamelados horizontalmente e a parte apical das súas cerata presenta un anel de cor violeta opaca.
Paraflabellina ischitana (Hirano & Tompson, 1990), os seus rinóforos son fortemente lamelados horizontalmente e os seus cerata son totalmente transparentes coa glándula dixestiva ben visible e diferenciada.
Curiosidades:
O nome da especie, pedata, provén do termo latino "pedatus" e significa "que ten pés", posiblemente en referencia aos cerata dispostos en grupos sobre expansións corporais, en forma de dedos de mans ou pés.