Euphrosine armadillo (Sars, 1851)
Descrición
Avistamentos
Descrición
Verme errante de corpo oval alongado, co dorso arqueado e a parte ventral aplanada, que pode chegar a alcanzar 1 centímetro de lonxitude por uns 4 milímetros de ancho, incluídas as quetas, con 19-30 segmentos. Ten 4 ollos, 2 grandes ollos dorsais e 2 ventrais máis pequenos. A carúncula, que é estreita e trilobulada, alcanza posteriormente o quinto setíxero. Ten 1 antena impar cónica acuminada, biarticulada e 2 pequenas antenas laterais filiformes inseridas na cara ventral. A boca disponse ventralmente. As branquias, que se dispoñen a partir do primeiro setíxero en filas transversais e se sitúan a cada lado 5-6 troncos ramificados dicotomicamente 4-5 veces, teñen as divisións terminais cónicas e acuminadas. Os parapodos son birrámeos con ramas pouco separadas; na rama dorsal, 2 cirros, un no extremo interno da fila branquial e o outro entre a segunda e terceira branquia. Presenta dúas clases de sedas dorsais, dispostas en filas transversais diante das branquias, todas bifurcadas: unhas con ramas moi desiguais e lisas, e outras coas dúas ramas ben desenvolvidas, diverxentes, denticuladas no bordo interno, lixeiramente arqueadas cara a fóra. Coloración vermella ladrillo. Coloración vermella brillante, laranxa ou amarela pálida, sedas brancas.
Hábitat e Bioloxía
Desde a liña de baixamar ata máis de 3000 metros de profundidade, en fondos de area, de diversas mesturas de limo, entre cunchas, entre grava ou no coralíxeno, entre ou baixo pedras. Cando é molestado, enrólase como forma de protección.
Especies semellantes
Euphrosine foliosa (Audouin & Milne-Edwards, 1833) e Euphrosine myrtosa (Lamarck, 1818): presentan as branquias moito menos ramificadas, polo que o seu dorso é visualmente moito menos sedoso
Distribución
Desde o norte das Illas Británicas ata o Mediterráneo.
Curiosidades
O nome da especie, armadillo, é o diminutivo do epíteto latino armar, significa ‘armadillo’ e refírese á aparencia que lle dan as sedas dorsais.