Haliclona (Halichoclona) fistulosa (Bowerbank, 1866)
Descrición
Avistamentos
Descrición
Esponxa incrustante de forma masiva, ou de coxín, da que xorden protuberancias finas de forma variable, que poden chegar a acadar unha lonxitude de 4 centímetros. A esponxa, de aspecto compacto, pode alcanzar un tamaño máximo de 20 centímetros. O crecemento destas protuberancias pode ser vertical ou lateral, as de maior diámetro presentan un ósculo no seu ápice, mentres que as máis estreitas son cegas. Os ósculos poden ser abundantes e adoitan elevarse sobre a superficie en forma de grosos tubos. A súa consistencia é máis ben firme e a súa superficie é suave, aínda que lixeiramente híspida cun tacto reseco. A cor da esponxa é abrancazada, rosada ou amarronada, con interior marrón amarelento ou púrpura.
Hábitat e Bioloxía
Desde os 10 ata os 50 metros de profundidade, sobre fondos rochosos. Aínda que a orientación da rocha onde medra é variable, adoita estar en paredes verticais, en zonas de correntes moderadas de marea. Soporta ben o limo. Da súa exposición á luz solar depende a súa cor: a pouca luz, como por exemplo en grutas, a súa cor é abrancazada, mentres que a moita exposición a súa cor case é amarronada. Tamén inflúe o dinamismo da auga nas súas formas, mentres que en zonas de correntes, pero protexidas do embate das ondas, forma longas fístulas que normalmente sobresaen dun bordo oscular, nas zonas expostas á ondada non mostra fístulas, só os ósculos elevados. Son animais hermafroditas que poden reproducirse tanto sexual como asexualmente.
Especies semellantes
Haliclona (Gellius) angulata (Bowerbank, 1866), forma fístulas baixas en forma de cogomelo ou aplanadas e é de cor rosada coas fístulas translúcidas.
Haliclona (Haliclona) simulans (Johnston, 1842), é unha especie moi polimórfica, pero a súa aparencia é porosa e adoita presentar zonas con diferentes coloracións amarronadas.
Distribución
Desde as Illas Británicas ata o Mediterráneo.
Curiosidades
O nome da especie, fistulosa, é un epíteto latino que significa ‘con fístulas’, ‘con proxeccións’ e refírese ás protuberancias que presenta sobre a súa superficie.