Haliclona (Reniera) cinerea (Grant, 1826)
Descrición
Avistamentos
Descrición
Esponxa de tamaño e forma altamente variable, pode presentarse en forma de finas láminas incrustantes ou de suaves lóbulos redondeados. Baixo rochas intermareais, en zonas de pouco movemento de auga forma láminas incrustantes finas que non exceden un tamaño de 10 centímetros cuns poucos ósculos pequenos, mentres que en zonas con correntes de marea moderadas ou fortes desenvolve láminas máis grosas, de maior tamaño, cun perímetro moi irregular e con numerosos procesos tubulares e fistulosos onde se dispoñen os ósculos, a miúdo recubrindo a maior parte da rocha. En zonas profundas con correntes de marea fortes ou moderadas forma un grupo de ramas osculares, delgadas, elevadas e longas, con forma de procesos fistulares, que se fixan ao substrato intermitentemente cunha base incrustante grande. Os ósculos dispóñense de forma irregular, na superficie, elevados lixeiramente por un delgado colar, ou dispostos no ápice de «chemineas» nas formas tubulares. A súa cor pode ser castaña, rosa, lavanda, e incluso ás veces púrpura escura, en función da iluminación recibida.
Hábitat e Bioloxía
Sobre rochas a profundidades entre 10 e 30 metros, en lugares moderadamente expostos ou en zonas abrigadas, pero con correntes de marea. A forma de chemineas altas dáse nas condicións máis abrigadas. Pode encontrarse esporadicamente no intermareal ou en augas menos profundas, nestes casos baixo pedras. Tamén a observamos medrando sobre algas.
Especies semellantes
Haliclona (Rhizoniera) rosea (Bowerbank, 1866), o seu desenvolvemento é exclusivamente incrustante e presenta poucos ósculos, pequenos e moi dispersos.
Haliclona (Rhizoniera) viscosa (Topsent, 1888), o seu desenvolvemento é exclusivamente tubular, cunha superficie rugosa e uns procesos tubulares de diámetro desigual na súa lonxitude.
Distribución
Desde as Illas Británicas ata o oeste de África, incluído o Mediterráneo.
Curiosidades
O nome da especie, cinerea, é un epíteto latino que significa ‘de cor cinza’ e refírese á cor que presentaba o exemplar conservado para a súa descrición.