Lepidonotus clava (Montagu, 1808)
Descrición
Avistamentos
Descrición
Poliqueto de corpo aplanado e ancho uniforme, que pode chegar a alcanzar os 45 milímetros de lonxitude con 26 segmentos quetíxeros. O prostomio, que está case oculto, é bilobulado e presenta 2 pares de ollos, o par anterior nos bordes externos do prostomio e o posterior xuntos e próximos á marxe posterior, dous pares de palpos con filas lonxitudinais de finas papilas e 3 antenas, unha central e dúas laterais, cun inchazo subterminal e finos ápices. O primeiro segmento presenta 4-5 sedas e un par de cirros tentaculares, dorsais e ventrais, en longos cirróforos fusionados. O dorso está recuberto por 12 pares de élitros en parápodos alternos, que se solapan soamente os anteriores e deixan ao descuberto a liña media dorsal; os dous últimos segmentos non están cubertos. O primeiro par de élitros é de forma redonda e os posteriores son ovalados ou redondeados coas marxes lisas. A superficie dos élitros está recuberta por tubérculos grandes e pequenos, que se volven menos numerosos nos élitros posteriores. Ao final do corpo presenta dous cirros curtos iguais aos laterais. Cor variable, normalmente élitros de cor marrón escura cun punto abrancazado no centro e rodeado de tons avermellados amarelados; parte ventral abrancazada.
Hábitat e Bioloxía
Desde o intermareal baixo ata os 10 metros de profundidade, escondido baixo pedras ou o interior de estípites de algas.
Especies semellantes
É o verme máis fácil de identificar visualmente da familia Polynoidae. Os seus característicos élitros, que aparentan escudos redondos, separados deixando ver entre eles o tecido do seu dorso, fano inconfundible.
Distribución
Desde o oeste das Illas Británicas ata o Mediterráneo.
Curiosidades
O nome da especie, clava, é un epíteto latino que significa ‘maza’, ‘bastón’ e refírese aos tubérculos que presentan os seus élitros.