Macropodia tenuirostris

Nome científico

Macropodia tenuirostris (Leach, 1814)

Nome común
Non establecido
Reino
Animalia
Filo
Arthropoda
Clase
Malacostraca
Subclase
Eumalacostraca
Orden
Decapoda
Familia
Inachidae

Descrición

Avistamentos

  • Macropodia tenuirostris
  • Macropodia tenuirostris
  • Macropodia tenuirostris

Descrición
«Araña de mar» cuxo cacho pode alcanzar unha lonxitude de 32 milímetros por 11 milímetros de ancho. O seu cacho é de forma triangular, coa superficie lisa ou lixeiramente granulosa. A rexión frontal é moi estreita, consecuencia dun rostro bífido longo, que alcanza ou supera o quinto segmento peduncular da antena e que está lixeiramente flexionado cara arriba. Na rexión orbital, que non ten espiñas, destacan uns longos pedúnculos oculares con ollos non retráctiles e totalmente visibles desde a parte dorsal. Os quelípedos das femias son delgados e co propodio non dilatado, mentres que os dos machos son maiores e co propodio dilatado. Os pereiópodos do segundo ao quinto par son moi longos e delgados (a lonxitude dos meros do segundo par é tan longa ou maior que a lonxitude do cacho e do rostro xuntos). O dáctilo do quinto par con espiñas en toda a lonxitude da súa marxe interna, unhas maiores e outras máis pequenas, espazadas. Todos os pereiópodos, con sedas, unhas longas e outras en forma de gancho. O abdome de ambos os sexos, cos segmentos sexto e sétimo fusionados. Coloración do cacho e das patas, marrón avermellada.

Hábitat e Bioloxía
Desde os 10 ata os 200 metros de profundidade, sobre fondos duros e lamacentos, e en colonias de hidrozoos do xénero Sertularella. Pode acadar augas dos esteiros. Femias  ovíxeras e larvas durante todo o ano.

Especies semellantes
Todas as especies do xénero Macropodia son facilmente confundibles entre si, sobre todo cando presentan algas ou hidrozoos pegados para camuflarse, escondendo desta forma os seus caracteres morfolóxicos.

Distribución
Desde as Illas Británicas ata o Mediterráneo.

Curiosidades
O nome da especie, tenuirostris, é un termo composto por dous epítetos latinos, tenuis (‘delgado’, ‘esvelto’, ‘delicado’) e rostrum (‘pico’) e significa ‘pico delgado’, que se refire á forma do seu rostro.

 

 

 

Non hai avistamentos