Periclimenes sagittifer (Norman, 1861)
Descrición
Avistamentos
Descrición
Esta gamba, que pode chegar a alcanzar os 3 centímetros de lonxitude, presenta un corpo aplanado lateralmente. O seu rostro, ben desenvolvido e alto, está provisto de dentes tanto na súa parte superior como na inferior; na superior, os dentes comezan na metade do cacho. O segundo par de pereiópodos, distintivamente desiguais, ten un carpo curto, menos do dobre de longo que de ancho, e o dáctilo é máis curto que o propodio. Os últimos catro segmentos abdominais son totalmente lisos. O telson ten tres espiñas. Cor totalmente transparente, con dúas bandas transversais rosáceas bordeadas en branco nos segmentos abdominais, a primeira cos extremos lixeiramente dobrados cara atrás, no segundo segmento, e a outra con forma en «V» apuntando ao telson, no cuarto segmento; manchas azuis nas patas e no telson e un punteado negro que se vai facendo máis compacto canto máis se achega ao rostro.
Hábitat e Bioloxía
Habita desde a liña de baixamar ata os 40 metros de profundidade, en zonas rochosas sobre leitos de algas. Asóciase normalmente con actinias e anémonas (de aí o seu nome común «gamba das anémonas»), en especial coa Anemonia viridis. Esta asociación parece ser parasítica dado que come os ápices dos tentáculos da anémona. As femias están ovíxeras en agosto.
Especies semellantes
Pódese confundir con dúas especies deste xénero: Periclimenes amethysteus (Risso, 1827 in [Risso, 1826-1827]) e Periclimenes scriptus (Risso, 1822); malia estas dúas especies seren endémicas do mar Mediterráneo.
Distribución
Desde as Illas Británicas ata as Illas Canarias. Ausente do Mediterráneo.
Curiosidades
O nome da especie, sagittifer, é un epíteto latino que significa ‘armado de frechas’, posiblemente en referencia ao seu rostro cheo de espiñas.