Postenterogonia orbicularis (Schmarda, 1859)
Descrición
Avistamentos
Descrición:
Verme aplanado de corpo ovalado e tamaño medio, que pode chegar a superar os 60 milímetros de lonxitude. O bordo é ondulado. Non ten tentáculos, pero si ollos tentaculares, cerebrais e marxinais. A súa superficie dorsal é de cor marrón con manchas escuras, de maior densidade ao longo do eixe central do corpo. Na cara ventral, que non presenta manchas, pódese observar a farinxe, de cor esbrancuxada e forma de árbore, flanqueada por unhas liñas paralelas tamén esbrancuxadas que se corresponden cos ovidutos e os espermidutos.
Hábitat e bioloxía:
En Europa, coñécese fundamentalmente na zona intermareal e en áreas superficiais adxacentes. A maioría dos policládidos son depredadores doutros pequenos invertebrados, entre os que se atopan os moluscos bivalvos, polo que é habitual atopalos no interior de cunchas, ademais de baixo pedras.
Distribución:
Especie orixinaria de Nova Celandia e Australia. En Europa, describiuse a súa presenza na costa atlántica de Francia (Arcachon, Biarritz) e de España (ría de Avilés, porto de Xixón, e distintos puntos do litoral de Galicia), e sospéitase da súa posible presenza na costa mediterránea de Francia (Etang de Thau).

Especies semellantes:
En xeral, pode resultar complexo recoñecer determinadas especies de planarias baseándose exclusivamente nos seus caracteres morfolóxicos, polo que é necesario recorrer a técnicas histolóxicas (observando ao microscopio cortes moi finos de preparacións de tecidos de cada exemplar) e mesmo xenéticas. O conxunto de características recollidas na apartado “Descrición” desta ficha para Postenterogonia orbicularis debe permitir determinar que os exemplares observados non pertencen a outras especies do mesmo filo, pero en caso de dúbida será necesario contar coa participación de especialistas.
Curiosidades:
Esta especie foi descrita co nome de Idiostylochus tortuosus sp. nov. a partir de exemplares recollidos na baía de Arcachon (Francia). O nome Idiostylochus deriva dunha combinación de idioplana e Stylochus, debido á presenza, no que se describiu como unha nova especie, dunha combinación única de caracteres que se atopan en parte neses xéneros.
Análises xenéticas recentes suxiren que Idiostylochus tortuosus sp. nov. é un sinónimo de Postenterogonia orbicularis (Schmarda, 1859).