Spurilla croisicensis

Nome científico

Spurilla croisicensis (Labbé, 1923)

Nome común
Non establecido
Reino
Animalia
Filo
Mollusca
Clase
Gastropoda
Subclase
Heterobranchia
Orden
Nudibranchia
Familia
Aeolidiidae

Descrición

Avistamentos

  • imaxe
  • imaxe
  • imaxe

Descrición:
Nudibranquio de corpo alongado e moderadamente ancho que se aguza gradualmente cara ao seu extremo posterior e que pode chegar a alcanzar os 5 centímetros de lonxitude. As esquinas da parte anterior do seu pé esténdense en procesos tentaculiformes (tentáculos propodiais). Os tentáculos orais son relativamente delgados e dunha lonxitude aproximadamente igual á dos rinóforos. Os rinóforos son lisos na súa base e perfoliados nos seus dous terzos  superiores. A lonxitude ceratal é bastante uniforme. Os cerata son curtos e grosos, cos seus ápices curvados cara ao dorso do animal. Esténdense desde detrás dos rinóforos ata a cola e van decrecendo de tamaño cara ao pé. O sistema dixestivo prolóngase polo interior do corpo dos cerata, dos rinóforos e dos tentáculos, e normalmente pode apreciarse por transparencia en forma dun característico reticulado. O corpo é de cor vermella ou laranxa translúcido, sen punteado branco e co reticulado da glándula dixestiva en cor marrón. Os rinóforos e os tentáculos orais e propodiais son da mesma cor que o corpo, cos seus ápices esbrancuxados. Os cerata son de cor laranxa translúcido con ápices claros, co que se transparenta a glándula dixestiva de cor verde oliva.

Hábitat e bioloxía:
Desde a zona intermareal, en pozas de marea e baixo rocas, ata os 15 metros de profundidade en fondos rochosos, ricos en antozoos hexacorais, dos que se alimenta. É unha especie hermafrodita simultánea que se fecunda de forma cruzada. Cando se senten ameazados ou cando son agredidos ou atacados, autotomizan os ceratas como forma de defensa.

Distribución:
Desde a Bretaña francesa ata o estreito de Xibraltar e a costa atlántica norte de Marrocos.

Especies semellantes:
Pruvotfolia pselliotes (Labbé, 1923): non todos os seus cerata son de forma e tamaño similar: os do centro do dorso son longos e recurvados, mentres que os dos bordos son curtos e rectos. Ademais, os rinóforos, os tentáculos orais e os cerata están bandeados en cor marrón escuro alternado con claro.

Spurilla neapolitana (Delle Chiaje, 1841): presenta sobre o seu corpo e sobre os ceratas unhas características manchas brancas. Sobre o seu corpo, os cerata dispóñense nun máximo de 10 grupos en forma de arco. Os rinóforos presentan ata 25 lamelas e dispóñense moi xuntos na súa base.

Curiosidades:
O nome da especie, Croisicensis, fai referencia á poboación francesa de Le Croisic, en cuxas costas se colleitou o exemplar que se usou para facer a súa descrición.

 

 

Non hai avistamentos