Stylochoplana maculata (Quatregfage, 1845)
Descrición
Avistamentos
Descrición:
Verme aplanado de corpo delicado que pode chegar a alcanzar uns 16 milímetros de lonxitude. Ten un par de tentáculos nucais transparentes de forma cilíndrica. Na base dos tentáculos, pódense apreciar os ollos tentaculares, formados por entre 5 e 8 ocelos cada un, aínda que esporadicamente poden chegar a ser 11. Os ollos cerebrais dispóñense diante dos tentáculos en dous grupos alongados paralelos, con 10-16 ollos cada grupo. A súa superficie dorsal é de cor tirando a marrón ou marrón amarelada con manchas claras ou escuras.
Hábitat e bioloxía:
Desde a zona intermareal ata os 40 metros de profundidade, en pozas rochosas e de marea entre algas, en estípites de laminarias, en colonias de ascidias e en fondos de grava e cascallo. Realiza as postas en agosto e en setembro.
Distribución:
Desde Noruega ata o Mediterráneo
Especies semellantes:
Comoplana agilis (Lang, 1884): os seus tentáculos nucais son de forma cónica, o seu corpo é cuneiforme e, no seu centro lonxitudinal dorsal, destaca unha mancha alongada de cor esbrancuxada.
Comoplana palmula (Quatrefage, 1845): os seus tentáculos nucais son de forma triangular, o seu corpo é claramente máis ancho na zona dos tentáculos e a súa cor dorsal pode ser branca amarelada clara, azul ou verde, con numerosos puntos de cor branca amarelada.
Curiosidades:
O nome da especie, Maculata, é un epíteto latino que significa ‘manchado’, ‘salpicado de manchas’, en referencia ao patrón de coloración do seu dorso.