Presenza de medusas nas costas de Galicia

Nestas últimas semanas véñense rexistrando avistamentos de distintas especies de “medusas” abeiradas en distintas praias de toda a nosa comunidade, de Baiona a Foz, con especial difusión nos medios da presenza de carabelas portuguesas (Physalia physalis).

Imaxe 1

O termo “medusa” emprégase de xeito xenérico para definir tanto algunha especie concreta como unha fase do ciclo vital de distintos organismos do grupo dos cnidarios, no que se inclúen ademáis de medusas animais como as anemones de mar ou apegóns, os corais e as gorgonias.

A diferencia do que pode suceder en mares máis calidos e pechados, como o Mediterráneo, existe un número moi reducido de especies de cnidarios que se poden atopar nas augas atlánticas que bañan as costas de Galicia que se recoñezan baixo a denominación de medusas. No noso litoral destacan fundamentalmente nove especies: dentro da clase dos hidrozoos, as especies Velella velella, Pandea conica, Aequorea forskalea, e a carabela portuguesa Physalia physalis; dentro da clase escifozoos (verdadeiras medusas), as especies Catostylus tagi, Rhizostoma luteum, Pelagia noctiluca, Chrysaora hysoscella e Aurelia aurita.

Todas elas son especies peláxicas de augas abertas, que se atopan raramente dentro das rías e augas costeiras, e neses casos chegan arrastradas polas correntes e ventos. Tan só catro destas especies presentan tentáculos moi urticantes (Physalia physalis, Rhizostoma luteum, Pelagia noctiluca, e Chrysaora hysoscella), e aínda que a súa chegada ás nosas costas é máis excepcional que noutras zonas de mares cálidos e tropicais, a súa chegada a Galicia en baixos números non é infrecuente baixo certas condicións oceánicas. Estas especies son moi doadas de recoñecer pola súa cor ou o seu aspecto, polo que cómpre diferencialas daquelas sen capacidade urticante.

A carabela portuguesa, Physalia physalis, é realmente unha colonia formada por numerosos exemplares con distintas funcións, é moi doada de recoñecer polo pólipo que lle serve de flotador, cheo de gas e de ata 30 cm de lonxitude, e pola súa cor azulada. Esta especie moi urticante habita fundamentalmente os mares cálidos e tropicais do planeta, con presenza nas augas temperadas derivada fundamentalmente do desprazamento das colonias a nivel global a través das principais correntes oceánicas e a nivel rexional determinada polos ventos, que poden desprazar as colonias cara a costa como ven sucedendo nas últimas semanas en Galicia.

Rhizostoma luteum mide ata 50 cm de diámetro. Moi urticante, é moi rara en augas costeiras ou dentro dentro das rías, e é recoñecible pola cor amarela dos brazos que sobresaen da umbrella branca.

Pelagia noctiluca é unha especie de cor rosada e pequeno tamaño, de ata 10 cm de diámetro, pero con longos tentáculos altamente urticantes e que ocasionalmente pode aparecer en concentracións elevadas.

Chrysaora hysoscella é a última especie de medusa de alta capacidade urticante que se pode atopar nas augas costeiras de Galicia. De ata 30 cm de diámetro, é moi recoñecible polo patrón que forman as 16 bandas marróns dispostas radialmente na súa umbrela.

Dentro daquelas especies que non supoñen un problema para as persoas atópase, por exemplo, Velella velella, un pequeno hidrozoo de ata 8 cm de longo, e moi recoñecible por presentar unha estrutura con forma de vela coa que é desprazada polo vento. Pode arribar en números relativamente altos na primavera ou no outono.

As medusas verdadeiras Catostylus tagi e Aurelia aurita, de ata 65 e 40 cm de diámetro respectivamente, tampouco supoñen problemas para as persoas, pola súa baixa capacidade urticante. É posible observar a primeira delas en zonas de auga salobre, como desembocaduras, e a segunda é das máis frecuentes nas augas mariñas da nosa comunidade.
 

Recomendacións no caso de sufrir a picadura dunha medusa

No portal web do Servizo Galego de Saúde atópase unha ligazón a información de interese sobre os consellos para evitar e, no seu caso, tratar as picaduras das medusas, para o que se fan as seguintes recomendacións:

  1. Limpar a zona afectada pola picadura.
  2. Non fregar a zona afectada, nin con area nin coa toalla nin con nada que poida lesionar máis.
  3. Usar sempre auga salgada. Non limpar a zona afectada con auga doce (tampouco se debe empregar amoníaco, vinagre ou alcohol)
  4. Durante 15 minutos aplicar frío sobre a zona afectada usando unha bolsa de plástico que conteña xeo. Nunca aplicar xeo directamente a non ser que sexa de auga mariña.
  5. Se hai algún resto de tentáculo adherido á pel, non realizar movementos bruscos para desprenderse deles, débense quitar, pero nunca tocar a zona afectada coas mans. Utilizaranse pinzas.
  6. Se a dor é moi intensa ou o estado da persoa empeora progresivamente, deberá acudir de inmediato a un centro médico.