Alcyonium coralloides

Nome científico

Alcyonium coralloides (Pallas, 1766)

Nome común
Non establecido
Reino
Animalia
Filo
Cnidaria
Clase
Anthozoa
Subclase
Octocorallia
Orden
Malacalcyonacea
Familia
Alcyoniidae

Descrición

Avistamentos

  • imaxen
  • imaxen
  • imaxen

Coral brando colonial e incrustante, que pode variar desde unha fina capa a lóbulos curtos e erectos duns 40 milímetros de altura. A colonia está formada por unha fina lámina basal de cenénquima que a fixa ao substrato e que pode desenvolverse en forma dunha fina lámina continua ou en forma de estolón, dependendo da dispoñibilidade do substrato. Os pólipos poden chegar a alcanzar os 12 milímetros de altura e dispóñense de forma irregular concentrados en formacións nodulares sobre a capa basal de cenénquima, e mesmo poden estar ausentes en partes da colonia. Presentan un cáliz prominente e teñen 8 tentáculos pinnados. As numerosas espículas que poboan os seus tecidos e pólipos converten a colonia en áspera ao tacto. A cor da colonia varía entre o vermello e o branco, cunha ampla gama de matices destas cores, e adoitan presentar nas zonas basais dos cálices dos pólipos manchas de cor amarela, vermella ou branca.

Hábitat e bioloxía:
Desde os 10 ata os 400 metros de profundidade, sobre talos de gorgonias, rocas, cunchas ou calquera outro substrato adecuado, incluídos barcos afundidos ou nasas e cabos de pesca abandonados, normalmente en zonas pouco expostas e non iluminadas. Presenta unha gran plasticidade ecolóxica e pode desenvolverse en forma dunha ampla lámina incrustante continua se o substrato non está previamente ocupado ou de forma estolonial conectando masas de pólipos illadas se o substrato ten xa outros organismos adheridos.

Distribución:
Desde as Illas Británicas ata o Mediterráneo.

Especies semellantes:
Alcyonium hibernicum (Renouf, 1931), aínda que inicialmente foi considerado unha sinonimia de Alcyonium coralloides, na actualidade é unha especie totalmente diferenciada que forma pequenos lóbulos erectos e nunca é incrustante.

Curiosidades:
O nome da especie coralloides provén da palabra latina corallium, que significa ‘coral’ e que fai referencia ao seu parecido e á posible confusión a primeira ollada con este.

 

-8.9314557016556,42.506788066076@734