Bispira volutacornis (Montagu, 1804)
Descrición
Avistamentos
Descrición:
Verme tubícola que pode chegar a alcanzar os 15 centímetros de lonxitude por 1 centímetro de diámetro, con 100 segmentos quetíxeros, normalmente 8 deles torácicos. O seu corpo é de sección case redonda, lixeiramente aplanado na parte ventral, a cabeza é reducida e nela destaca o penacho branquial. Este está formado por uns 200 filamentos duns 3 centímetros de longo, dispostos en dous lóbulos branquiais simétricos e de tamaño similar que, cando se despregan, forman dúas coroas entrelazadas que describen de 1 a 4 voltas espirais. Cada filamento porta 2-3 pares de manchas oculares. Os lóbulos branquiais únense na súa base por unha curta membrana. Presenta tamén 2 curtos palpos, alongados na súa base e unidos polo beizo superior. Debaixo do penacho branquial hai un colar incompleto formado por 4 lóbulos, os 2 dorsais ben separados e os 2 ventrais próximos, grosos e dobrados cara a fóra. Todos os segmentos corporais dispoñen de sedas. O pixidio finaliza en 2 papilas redondeadas. Corpo de cor gris verdoso a marrón violáceo. Branquias de cor branca ou verde pálida, raramente violeta. Colar de cor violeta bordeada en branco.
Hábitat e bioloxía:
Desde a zona intermareal, en pozas profundas de marea, ata os 40 metros de profundidade, en fondos rochosos, baixo saíntes, en gretas de rocas ou baixo grandes pedras asomando por un lateral. Vive no interior dun tubo relativamente curto, membranoso e liso, que xera o propio animal, que na parte superior está cuberto por limo agrisado. Acostuma a formar pequenas colonias.
Distribución:
Desde o sur de Noruega ata o Mediterráneo.
Especies semellantes:
Sabella pavonina Savigny (1822). Adoita estar fixa en substratos areosos e o seu penacho branquial apenas pecha unha volta completa.
Sabella spallanzanii (Gmelin, 1791). É de maior tamaño, o seu tubo sobresae amplamente do substrato rochoso no que estea fixado e o seu penacho branquial presenta unha forma en espiral elevada ("árbore de Nadal").
Curiosidades:
O nome da especie volutacornis é unha palabra composta por dous termos latinos: voluta (‘en forma de espiral’) e o dativo plural de cornus (‘cornos’), con referencia á disposición dos filamentos branquiais.