Felimare fontandraui (Pruvot-Fol, 1951)
Descrición
Avistamentos
Descrición:
Nudibranquio de corpo alongado e ancho, que pode a alcanzar os 45 milímetros de lonxitude. Os rinóforos son de cor azul escura, cunha curta base laminada que pode presentar unha mancha branca ou amarela a ambos os lados, unha zona laminar formada por 13-15 láminas e un mucrón pouco desenvolto no seu ápice. O penacho branquial xorde dunha vaíña elevada na que pode retraerse totalmente, e está composto por 6 follas branquiais bipinnadas de cor azul escura co raquis amarelo ou esbrancuxado, tanto na súa zona interna coma externa. O manto pode presentar pequenos tubérculos redondeados dispersos. O seu corpo é de cor azul-violácea, cunha orla amarela que bordea todo o manto. Paralela a esta orla, presenta outra de cor azul celeste característica, que pode estar máis ou menos fragmentada. Posúe unha banda ancha central de cor amarela ou branca, que comeza diante dos rinóforos. Neste punto, describe un característico deseño en forma de áncora que finaliza no penacho branquial, ao que rodea, e cuxos bordos non son lisos, xa que se ramifican nalgunhas partes.
Hábitat e bioloxía:
Desde a zona intermareal ata os 80 metros de profundidade, sobre paredes rochosas, entre rocas e baixo pedras, con abundancia de esponxas. Son animais moi activos que se alimentan das esponxas Dysidea avara, Cacospongia mollior, Spongia virgultosa, Pleraplysilla spinifera etc. Aínda que carece de glándulas defensivas no seu manto, cando é molestado pode segregar un líquido semitransparente tipo "sesquiterpenoide" que podería ter funcións defensivas.
Distribución:
Desde a costa norte da Península Ibérica ata o Mediterráneo occidental, incluídas as Azores.
Especies semellantes:
Felimare tricolor (Cantraine, 1835). Aínda que neste a liña central do manto é fina, non finaliza en forma de áncora diante dos rinóforos, e os rinóforos presentan unha liña lonxitudinal na súa parte traseira.
Curiosidades:
O nome da especie fontandraui foille posto en honra á poboación francesa de Font-Andreu, situada no departamento dos Alpes marítimos, onde se recolleron os exemplares para a súa descrición.