Leufroyia concinna (Scacchi, 1836)
Descrición
Avistamentos
Descrición:
Gasterópodo de cuncha fusiforme que pode chegar a alcanzar unha lonxitude de 16 milímetros. A cuncha está formada por unhas 7-9 voltas de espira moi convexas, separadas por unha sutura moi marcada. A súa superficie está esculpida por grandes costelas axiais que se cruzan con densos cordóns espirais formando unha rede con nódulos nos puntos de cruzamento. A protoconcha está moi finamente reticulada. A abertura é de forma ovalo-alongada cunha curta canle sifonal e o beizo externo é delgado e crenulado. Non ten opérculo. O animal é de cor branca amarelada, cuns longos tentáculos en cuxo centro se sitúan os seus ollos. A cuncha é de cor amarronada con manchas castañas escuras, coas liñas espirais de cor avermellada e dúas bandas claras por volta. A protoconcha é de cor máis clara.
Hábitat e bioloxía:
Desde os 10 ata os 100 metros de profundidade, sobre fondos de area grosa, cascallo ou de grava, normalmente baixo pedras ou cunchas. Estes moluscos son animais solitarios. É moi raro atopar varios exemplares xuntos, excepto no momento da fecundación, cando se xuntan varios exemplares. Presentan sexos separados e fecundación interna. As súas postas consisten nunhas cápsulas xelatinosas transparentes de forma discoide, cunha abertura redonda na súa parte superior central e con ata 60 diminutos ovos brancos no seu interior.
Distribución:
Desde o norte da Península Ibérica ata o Mediterráneo.
Especies semellantes:
Leufroyia leufroyi (Michaud, 1827). É lixeiramente de maior tamaño, os cordóns espirais que decoran a súa cuncha dispóñense moito máis xuntos e resaltan máis o cruzamento coas costelas axiais e a súa cor non é tan rechamante, ao presentar un periostraco amarronado.
Curiosidades:
O nome da especie concinna é un epíteto latino que significa ‘elegante’, en referencia á ornamentación da cuncha.