Actinothoe sphyrodeta

Nome científico

Actinothoe sphyrodeta (Gosse, 1858)

Nome común
No establecido
Reino
Animalia
Filo
Cnidaria
Clase
Anthozoa
Subclase
Hexacollaria
Orden
Actiniaria
Familia
Sagartiidae

Descrición

Avistamentos

  • Actinothoe sphyrodeta
  • Actinothoe sphyrodeta
  • Actinothoe sphyrodeta

Descrición
Esta pequena anémona ten unha base adhesiva que pode chegar a alcanzar os 15 milímetros de diámetro. A súa columna, tipo piar que pode chegar aos 3 centímetros de altura, é de cor branca con liñas verticais de cor máis escura, máis visibles cando esta está contraída, e na súa parte superior ten uns puntiños transparentes por onde a anémona lanza rapidamente os seus acontios. Presenta un disco oral de maior diámetro que a súa base, que pode ser de cor amarela-laranxa, amarela ou branca, rodeado duns 120 tentáculos, finos e filamentosos de cor branca ou alaranxada (poden presentar marcas escuras cerca da base) cargados de cnidocitos; os tentáculos están dispostos en cinco aneis concéntricos rodeando o disco oral dispostos de forma irregular.

Hábitat e Bioloxía
Desde os 3 ata os 50 metros de profundidade, sobre pedras, croios, en covas, sobre laminarias ou incluso sobre outros animais como esponxas e gorgonias, aínda que o máis común é encontrala en paredes rochosas, pero sempre en zonas expostas a correntes de marea entre moderadas e fortes. Pode formar colonias que poden chegar case a tapizar unha zona ou presentarse como forma solitaria. Ao ser molestadas liberan rapidamente uns filamentos brancos defensivos, os acontios, que están cargados de cnidocitos. 

Especies semellantes
Pode confundirse cunha especie da mesma familia, Cylista elegans (Dalyell, 1848), sobre todo nas súas variedades venusta e nívea, polo seu colorido similar en tentáculos e disco oral. Con todo, esta especie é de maior tamaño, posúe un maior número de tentáculos e adoita ser solitaria.

Distribución
Desde as Illas Británicas ata as costas portuguesas.

Curiosidades
O nome da especie, sphyrodeta, provén da palabra grega «sphyrodet» que significa ‘cordón de zapato’ e fai referencia aos acontios (filamentos brancos) que esta actinia rapidamente expulsa.

Estas pequenas anémonas, coñecidas en linguaxe coloquial como «actinia», «anémona margarida» ou «margarida de mar», levan unha gran carga de cnidocitos que usan para paralizar as súas posibles presas. Os mergulladores descoidados adoitan non esquecérense deste antozoo, debido a que se apoian sobre el e, cando esas zonas tocan pel máis sensible (normalmente a cara), senten unha terrible comechón que ocasiona unha pequena lesión parecida a unha queimadura.

-8.8161412095127,42.398169931469@713