Alcyonium glomeratum

Nome científico

Alcyonium glomeratum (Hassall, 1843)

Nome común
Non establecido
Reino
Animalia
Filo
Cnidaria
Clase
Anthozoa
Subclase
Octocorallia
Orden
Malacalcyonacea
Familia
Alcyoniidae

Descrición

Avistamentos

  • imaxe
  • imaxe
  • imaxe

Descrición:
Coral brando que forma colonias en forma de man de ata 15 centímetros de alto. As colonias presentan unha base incrustante de extensión variable e cun curto pedúnculo estéril (sen pólipos) de ata 4 centímetros de lonxitude. As colonias maiores ramifícanse en varios planos en forma de curtos lóbulos dixitiformes, ríxidos e relativamente delgados, que á súa vez se poden subdividir noutros de menor tamaño; as colonias pequenas normalmente non son lobuladas. Os pólipos, que se distribúen densamente sobre a colonia, teñen oito tentáculos pinnados e poden alcanzar unha lonxitude de 5 milímetros en máxima extensión. Cando a colonia se atopa contraída, os cálices dos pólipos adoitan formar unhas protuberancias que caracterizan a esta especie. A cor da colonia é vermella ou vermella-alaranxada, sobre o que destaca a cor branca dos pólipos.

Hábitat e bioloxía:
Desde os 10 ata os 400 metros de profundidade, normalmente fixo a zonas rochosas no seu parte abrigada (non lle gusta o forte movemento da auga), con preferencia por paredes verticais, gretas ou baixo teito, xeralmente en zona de mar aberto (zona exterior das rías). Canto máis profundo atópase, máis exposto adoita estar.

Distribución:
Desde o norte de Escocia ata o sur de Portugal, tamén en Azores e Canarias.

Especies semellantes:
Alcyonium digitatum Linnaeus, 1758, as súas colonias presentan unha maior base incrustante, son de cor amarela ou laranxa e os seus pólipos translúcidos.
Alcyonium palmatum Pallas, 1766, as súas colonias son de maior tamaño e, aínda que presenta unha gran variabilidade cromática, nunca é vermello intenso e os seus pólipos son translúcidos, polo que o colorido das colonias de Alcyonium glomeratum en forte contraste cos seus pólipos tende a identificalo.

Curiosidades:
O nome da especie, glomeratum, provén da palabra latina "glomero", que significa en forma de bóla, aglomerado, retorto, referíndose así á forma das colonias cando se extraen do mar.

 

 

Non hai avistamentos