Aplysia fasciata (Poiret, 1789)
Descrición
Avistamentos
Descrición:
É a babosa mariña de maior tamaño, xa que pode alcanzar os 40 centímetros de lonxitude. Ten un corpo voluminoso e bastante carnoso, inchado por detrás e aguzado cara á cabeza, na que aparecen un par de tentáculos orais tubulares, enrolados e, detrás deles, un par de rinóforos tamén enrolados e máis curtos. Os lóbulos parapodiais, parecidos a ás e que mantén recollidos envolvendo a súa parte traseira, están soltos na súa parte posterior, o que lle permite usalos para nadar. Neste gasterópodo a cuncha, en forma de disco convexo, córnea, translúcida e moi delgada, está moi atrofiada, completamente recuberta polo manto e pode chegar a alcanzar unha lonxitude de 7 centímetros. A súa cor é negra violácea a pardo escura uniforme, cos parápodos, rinóforos e tentáculos orais bordeados por unha fina liña vermella ou púrpura. Os exemplares máis pequenos acostuman a presentar unha tonalidade de cor máis clara.
Habitat e bioloxía:
En zonas pouco profundas, sempre por debaixo da liña de baixamar en zonas pouco expostas á ondada e sobre fondos areosos ou lameiros poboados de algas das que se alimenta, con preferencia Ulva lactuca e Enteromorpha spp. Son capaces de desprazarse cos seus parápodos, os cales lle permiten nadar de maneira constante a partir dun movemento ondulante. En época de cría, acostuman a formar grandes agregacións de individuos.
Distribución:
Desde Noruega e Grenlandia ata as Illas Canarias, incluído o Mediterráneo.
Especies semellantes:
Aplysia depilans Gmelin (1791). Os seus grandes parápodos están ben separados na súa parte dorsal anterior, pero sóldanse cara á súa parte posterior e a súa cor é verde escura a parda con manchas brancas, amarelas ou verdes.
Curiosidades:
O nome da especie punctata deriva da palabra francesa ponctuèe que significa ‘manchado’, en referencia á librea do animal.