Atrina fragilis (Pennant, 1777)
Descrición
Avistamentos
Descrición
Bivalvo de fráxil cuncha equivalva que pode chegar a alcanzar os 48 centímetros de lonxitude. As súas valvas, inequilaterais ao presentar o umbo na súa parte anterior, son de forma triangular (forma de abano), coa marxe dorsal longa e estreita, a marxe posterior ancha e suavemente curvada, aínda que ás veces a súa extrema fraxilidade fai que apareza rota, e a marxe ventral lixeiramente sinuosa. Está esculpida externamente por 8-12 costelas radiais baixas, aínda que nos exemplares grandes poden estar perdidas e parecer opticamente lisas; teñen claras liñas de crecemento. O ligamento é externo e esténdese uns 2/3 da lonxitude da marxe dorsal. A charnela non ten dentes. Os filamentos do seu biso son moi longos, finos e moi abundantes, semellan cabelos humanos. A cicatriz adutora anterior é pequena, mentres que a posterior é longa e case central. A súa cor externa é amarela pálida a apardazada, co umbo máis escuro; parte interna brillante e parcialmente anacarada.
Hábitat e Bioloxía
Desde os 10 ata os 400 metros de profundidade, en fondos areosos, lodosos ou mestura destes, onde vive semienterrada, para o que se fixa cos filamentos do biso a pedras ou cunchas fundidas no sedimento, de forma que só está á vista a parte superior das valvas. Adoita ser un animal solitario, aínda que excepcionalmente se poidan encontrar varios individuos nunha área próxima. O seu crecemento é moi lento, calcúlase nun máximo de tres centímetros anuais e poden ter unha lonxevidade duns 16 anos.
Especies semellantes
Atrina pectinata (Linnaeus, 1767), alcanza un tamaño menor, as súas cunchas son relativamente máis anchas e a súa superficie exterior presenta costelas radiais, normalmente provistas de espiñas planas.
Distribución
Desde o norte das Illas Británicas ata Mauritania, incluído o Mediterráneo.
Curiosidades
O nome da especie, fragilis, é un epíteto latino que significa ‘fráxil’ e que se refire á fraxilidade das súas valvas.
Pode presentar un pequeno cangrexo comensal, Nepinnotheres pinnotheres (Linnaeus, 1758).
Antigamente os pescadores, ao recoller cos seus aparellos este bivalvo e ver o longo biso que presentaba, crían que se alimentaban de persoas que afogaran e que o biso eran restos do pelo.