Haliclona (Haliclona) oculata

Nome científico

Haliclona (Haliclona) oculata (Linnaeus, 1759)

Nome común
Non establecido
Reino
Animalia
Filo
Porifera
Clase
Demospongiae
Subclase
Heteroscleromorpha
Orden
Haposclerida
Familia
Chalinidae

Descrición

Avistamentos

  • imaxe
  • imaxe
  • imaxe

Descrición:
Esponxa arbustiva ramificada que pode alcanzar tamaños de ata 50 centímetros de alto. Os exemplares novos presentan un desenvolvemento en forma de dedos, mentres que nos exemplares vellos as ramificacións están ben desenvoltas. As ramas tenden a ser comprimidas lateralmente e adoitan finalizar en extremos cegos redondeados, aínda que ocasionalmente estes extremos poidan ser afiados. As ramas poden anastomosarse parcialmente ou na maior parte da súa lonxitude. Os ósculos son pequenos, dun diámetro máximo de 1 milímetro, con elevados bordos diminutos e xeralmente dispóñense aliñados nas ramas. A súa consistencia é suave e elástica, aínda que non fráxil, e a súa superficie resulta moi suave, aveludada ao tacto e lixeiramente híspida. Cor marrón clara, marrón, avermellada e mesmo laranxa.
 

Hábitat e bioloxía:
Desde os 5 ata os 100 metros de profundidade, en fondos rochosos e de area, ancorada a rocas ou cunchas. Ten preferencia por zonas con material en suspensión protexidas da acción das ondas, pero expostas a correntes de marea moderadas ou fortes. A súa capacidade de tolerancia á contaminación e a augas salobres fai que a poidamos atopar en portos e baías.
 

Distribución:
En augas europeas, a súa distribución esténdese desde Islandia e o norte de Noruega ata o sur de Portugal.
 

Especies semellantes:
Axinella dissimilis (Bowerbank, 1866): é de cor amarela, as súas ramas son aplanadas e espatuladas e o seu tamaño varía ao longo destas.
Axinella polypoides (Schmidt, 1862): é de cor amarela, ramifícase de forma moito máis ampla e os ósculos presentes sobre as súas ramas mostran un colar translúcido que os eleva sobre a superficie da esponxa.
Haliclona (Haliclona) simulans (Johnston, 1842): non presenta exclusivamente un desenvolvemento arbustivo e, no caso de que se produza un desenvolvemento arbustivo, as súas ramas son aplanadas e os ósculos non están aliñados sobre elas.

Curiosidades:
O nome da especie, Oculata, deriva do epíteto latino oculatus, que significa ‘con ollos’, ‘provisto de ollos’, en referencia aos numerosos ósculos que presenta coma se fosen pequenos ollos.

Non hai avistamentos