Homaxinella subdola (Bowerbank, 1866)
Descrición
Avistamentos
Descrición:
Esponxa arbustiva ergueita, ramificada de forma aparentemente desordenada, que pode chegar a alcanzar unha altura de 20 centímetros. A súa superficie é lisa, esvaradía e lixeiramente híspida, o que ocasiona que reteña partículas de limo sobre ela. Os ósculos, que son pequenos, non numerosos e están repartidos de forma discreta sobre as ramas, presentan un bordo translúcido, liso e lixeiramente cónico. O talo é duro, máis delgado que as ramas e está firmemente ancorado á rocha. As ramas, que tenden a xurdir aproximadamente en ángulos rectos e en todos os planos, son redondas, o que lle confire un aspecto un tanto desordenado, con engrosamentos dispersos, firmes, resistentes e elásticos; ás veces poden unirse, pero nunca producen formas laminares. A cor varía entre o laranxa, amarelo, pardo amarelo e mesmo dourado.
Hábitat e bioloxía:
Desde os 10 ata os 80 metros de profundidade, fixa sobre fondos rochosos cubertos por unha lixeira capa de sedimento, en planos horizontais ou lixeiramente inclinados. Podemos atopala en zonas abrigadas e semiexpostas.
Distribución:
Desde as illas británicas ata Portugal.
Especies semellantes:
Axinella dissimilis (Bowerbank, 1866), alcanza maior altura, as súas ramas son de sección ovalada e tenden a formas planas ao anastomosarse entre elas; os ósculos presentan uns sucos confluíndo neles que lle dan un aspecto estrelado.
Axinella polypoides Schmidt, 1862, alcanza unha maior altura, as súas ramas son máis grosas, de sección ovalada e a súa superficie é lisa.
Curiosidades:
O nome da especie, subdola, é unha palabra latina que significa "tortuosa", "astuta", pola forma enganosa desta esponxa que se confunde con outras especies do xénero Axinella.