Lanice conchilega (Pallas, 1766)
Descrición
Avistamentos
Descrición
Verme sedentario que, cuns 150-300 segmentos, alcanza uns 30 centímetros de lonxitude por 6 milímetros de diámetro. O seu corpo está dividido en dúas claras rexións, a rexión torácica e a abdominal. A rexión torácica, que é curta e está engrosada, está formada por 17 segmentos e a rexión torácica é longa, delgada, fráxil e moi suave. O segmento bucal está formado por 2 lóbulos triangulares elevados, unidos na parte ventral por un colar máis ou menos desenvolvido que rodea en parte unha serie de tentáculos alimenticios, os cales, malia seren contráctiles, non poden retraerse totalmente. Ten 3 pares de branquias de aspecto arbustivo e de similar tamaño. Pixidio sen papilas. Constrúe un tubo que sobresae do sedimento, onde vive, de grans de area e anacos de cunchas, o cal finaliza nun característico penacho por onde saca os tentáculos alimenticios. Verme de cor amarelada, rosada ou parda, en época de reprodución de cor verde, branquias de cor vermella viva e tentáculos alimenticios de cor branca amarelada.
Hábitat e Bioloxía
Desde o intermareal ata os 25 metros de profundidade, sobre fondos brandos, de cascallo, areosos, lamacentos ou unha mestura destes, onde vive enterrado verticalmente sobresaíndo do sedimento unicamente a parte ramificada final do tubo. Usa a súa coroa de tentáculos acanalados para filtrar o plancto e atrapar partículas en suspensión, das que se alimenta. Presenta os sexos separados e fecundación externa. Ten unha etapa larval planctónica duns 60 días.
Especies semellantes
O tubo que constrúe de grans de area e anacos de cunchas, sobresaíndo do sedimento e finalizando nun penacho característico, fano inconfundible no seu hábitat.
Distribución
Desde o océano Ártico ata o Mediterráneo.
Curiosidades
O nome da especie, conchilega, é unha palabra composta por dous termos latinos, concheus, que significa ‘cuncha’, e lego, que significa ‘recoller’, ‘levantar’, co que se fai referencia á construción dos típicos tubos nos que vive con anacos de cunchas.
É coñecido co nome vulgar de «verme albanel» pola súa capacidade de construír os típicos tubos nos que que vive.