Magallana gigas (Thunberg, 1793)
Descrición
Avistamentos
Descrición:
Bautizada familiarmente como ostra "rizada", este bivalvo presenta unha cuncha estreita e amplamente ovalada, e pode chegar a alcanzar os 30 centímetros de lonxitude. As valvas son foliosas e desiguais. A superior ten forma aplanada, mentres que a inferior é cóncava e máis longa. As superficies exteriores están esculpidas por ásperos camallóns concéntricos e seis ou sete costelas fortes e grosas, que ocasionan que o bordo da cuncha sexa profundamente ondulado. Cor branca apardazada cun groso periostraco pardo sucio; interior branco nacarado cunha mancha violeta na cicatriz do músculo adutor.
Hábitat e bioloxía:
Vive en fondos areentos, ou de grava, así como fixa a pedras, desde a liña de baixamar ata os 80 metros de profundidade.
Distribución:
En Europa está presente en todo o seu litoral.
Especies semellantes:
Crassostrea virginica (Gmelin, 1791), é moi parecida, as súas valvas presentan marxes case lisas, non tan ondulados, e a impresión muscular presenta tinguiduras violáceas ou negras.
Magallana angulata (Lamarck, 1819), coa que adoita confundirse e mesmo hibridarse, sendo moi difícil distinguila sen unha proba de ADN. Esta presenta unha cuncha máis alongada, angulosa, coas valvas robustas excepto os seus bordos que poden ser escamosos e ondulados.
Ostrea edulis Linnaeus, 1758, presenta valvas circulares moi calcificadas, co oco da valva, onde vive o animal, pouco profundo.
Curiosidades:
O nome da especie, gigas, é unha palabra grega que designa os xigantes da súa mitoloxía, unha raza salvaxe exterminada por Zeus, en referencia ao gran tamaño do bivalvo.
A ostra rizada, tamén chamada Xaponesa ou do Pacífico, é unha especie invasora cuxas poboacións naturais habitan orixinalmente os mares do suroeste asiático (de aí o nome común). Foi introducida a mediados do século XX como especie de cultivo en augas portuguesas, de onde se estendeu deliberadamente como especie de cultivo por todas as costas europeas. Na nosa ría o seu cultivo puxo en grave perigo a especie autóctona Ostrea edulis, que estivo a piques de desaparecer na década dos 80 do século XX por enfermidades introducidas con esta especie.