Melanella alba (Da Costa, 1778)
Descrición
Avistamentos
Descrición
Gasterópodo de cuncha alongado e cónica, que pode ser recta ou lixeiramente curvada, con espiras lisas, e que pode chegar a alcanzar os 20 milímetros de lonxitude por uns 6 milímetros de diámetro. A superficie exterior da cuncha é moi suave, con finas liñas de crecemento case imperceptibles. A cuncha está constituída por 12-14 voltas de espira que finalizan nunha protocuncha que perde a miúdo, polo que se aprecia roto o ápice da cuncha. A apertura da cuncha é ovalo-alongada en forma de gota, sen embigo, cun labio completo. Non ten opérculo. O animal presenta unha cabeza cunha proxección plana na súa parte dianteira e 2 tentáculos do mesmo diámetro en toda a súa lonxitude cun ollo na base de cada un deles. Non ten tentáculos paleais. O pé é relativamente pequeno. A cor da cuncha é branca leitosa e pode transparentar a cor do corpo ao seu través; a cor do corpo é branca e os tentáculos, a parte dianteira do pé, os seus laterais e os lóbulos operculares teñen marcas laranxas ou amarelo-alaranxadas.
Hábitat e Bioloxía
Desde os 5 ata máis de 100 metros de profundidade, sobre lama, area ou grava, onde adoita encontrase en grupos de individuos sempre asociados ao seu alimento. É un ectoparasito de holoturias, que se alimenta delas por medio dunha longa probóscide que, a modo de agulla hipodérmica, atravesa a pel da holoturia, se introduce no seu interior e aspira os zumes dos que se alimenta. Presenta sexos separados e fecundación interna.
Especies semellantes
Melanella lubrica (Monterosato, 1890), é de menor tamaño e o seu corpo é totalmente branco.
Melanella monterosatoi (Monterosato, 1890), é de menor tamaño e a cuncha transparenta o seu corpo totalmente branco con pencas vermellas na súa cabeza.
Distribución
Desde Noruega ata o Mediterráneo.
Curiosidades
O nome da especie, alba, é un epíteto latino que significa ‘branco’ e refírese á cor da súa cuncha.