Mercenaria mercenaria (Linnaeus, 1758)
Descrición
Avistamentos
Descrición
Bivalvo de cuncha extremadamente grosa e pesada, de contorno triangular a semiovalado, equivalva, que pode chegar a acadar os 12 centímetros de longo. As súas valvas son inequilaterais, ao presentar uns elevados umbos desprazados cara á parte anterior, e están esculpidas externamente por numerosas liñas concéntricas elevadas dispostas en paralelo ao bordo externo e por claras etapas de crecemento. A charnela presenta tres distintivos dentes cardinais en cada valva, ademais dunha zona áspera, a modo de dente, detrás dos umbos e inmediatamente debaixo do ligamento. O ligamento é externo e ten forma de banda elíptica de cor café escuro, está inserido profundamente por detrás dos umbos e acada a metade da marxe posterior da cuncha. A lúnula está ben definida, é ampla e ten forma de corazón. Os bordos internos das valvas son crenulados. As valvas son de cor marrón clara a agrisada co bordo violáceo pola súa parte externa e branco brillante cunha tinguidura azul violácea rodeando as cicatrices musculares pola súa parte interna.
Hábitat e Bioloxía
Desde o intermareal ata os 10 metros de profundidade, enterrada profundamente en fondos de area fina lamacenta. Habita en baías e esteiros, onde é capaz de soportar amplas variacións tanto de temperatura como de salinidade. Pode chegar a acadar unha lonxevidade de 38 anos.
Especies semellantes
Mercenaria campechiensis (Gmelin, 1791), a súa área de distribución é o golfo de México, alcanza un tamaño lixeiramente maior, as súas valvas non presentan coloración purpúrea no seu interior e na superficie externa das súas valvas na zona próxima ao umbo non ten áreas lisas.
Distribución
En augas europeas considérase unha especie exótica e a súa distribución abarca desde as Illas Británicas ata o Mediterráneo occidental.
Curiosidades
É unha especie exótica nas nosas augas, cuxa distribución natural abarca desde o golfo de San Lourenzo (O Canadá) ata o golfo de México. Nas costas europeas foi introducida voluntariamente durante o século XX para o seu cultivo, primeiro en Inglaterra e posteriormente na Bretaña francesa. A mediados finais do século XX intentouse o seu cultivo no Mediterráneo, nas costas de Francia, Italia e Sicilia. Os exemplares encontrados nas nosas augas posiblemente fosen introducidos accidentalmente en partidas de moluscos para a súa depuración ou cultivo.