Pagurus prideaux

Nome científico

Pagurus prideaux (Leach, 1815)

Nome común
No establecido
Reino
Animalia
Filo
Arthropoda
Clase
Malacostraca
Subclase
Eumalacostraca
Orden
Decapoda
Familia
Paguridae

Descrición

Avistamentos

  • Pagurus prideaux
  • Pagurus prideaux
  • Pagurus prideaux

Descrición
Cangrexo ermitán que pode chegar a alcanzar os 6 centímetros de lonxitude, cun cacho sen rostro de ata 14 milímetros de longo. Os ollos son moderadamente pequenos, coa córnea expandida. O seu primeiro par de patas está dotado de quelas, ambas cubertas, pola súa parte dorsal e laterais, de gránulos e tubérculos espazados regularmente; son de tamaño desigual, e é maior a dereita que presenta unha protuberancia no medio en forma de quilla aguda a cuxos lados existe unha depresión lisa e convexa. O cuarto e quinto par de patas é moi pequeno, a súa función é fixar a cuncha na que vive. O abdome é retorcido para poder adaptarse á forma da  cuncha. Cor laranxa a vermella parda, co cacho apencarado, as antenas amareladas e  propodios e dáctilos dos pereiópodos 2 e 3 violetas con catro liñas lonxitudinais finas abrancazadas.

Hábitat e Bioloxía
Desde a liña de baixamar ata os 400 metros de profundidade, sobre fondos rochosos ou areosos, onde se alimenta de detritos e invertebrados. Vive dentro de cunchas de gasterópodos como forma de protexer o seu espido abdome. Presentan sexos separados e fecundación interna; os ovos fecundados son incubados pola femia no abdome, de onde sairán unhas larvas planctónicas que sufrirán varias metamorfoses antes de asentárense no fondo mariño e buscar unha cuncha onde protexerse. Femias ovíxeras de marzo a decembro.

Especies semellantes
Pagurus bernhardus (Linnaeus, 1758), alcanza maior tamaño, non presenta pilosidade nas patas, as súas quelas están provistas de fortes gránulos e case nunca está asociado á anémona Adamsia palliata (Fabricius, 1779).

Distribución
Desde o sur de Noruega ata Cabo Verde, incluído o Mediterráneo.

Curiosidades
O nome da especie, prideaux, foille posto en honra de Charles Prideaux (1782-1869), malacólogo inglés amigo de Leach.

Adoita vivir asociado en perfecta simbiose coa anémona Adamsia palliata (Fabricius, 1779) que recobre a súa cuncha, á que lle proporciona un medio de desprazamento, mentres que a anémona lle proporciona protección cos seus cnidocitos (células urticantes). 

Localizar un novo fogar é cuestión de vida ou morte para o animal, polo que son frecuentes as loitas entre eles cando hai poucas cunchas dispoñibles na zona. Cando encontran a cuncha, inspecciónana meticulosamente, cóllena coas súas pinzas e, botándoa por riba da cabeza, introdúcense nela.

Non hai avistamentos