Polynoe scolopendrina

Nome científico

Polynoe scolopendrina (Savigny, 1822)

Nome común
Non establecido
Reino
Animalia
Filo
Annelida
Clase
Polychaeta
Subclase
Errantia
Orden
Phyllodocida
Familia
Polynoidae

Descrición

Avistamentos

  • imaxe
  • imaxe
  • imaxe

Descrición:
Poliqueto de corpo estreito, alongado e lixeiramente comprimido, que pode chegar a alcanzar os 12 centímetros de lonxitude con ata 100 segmentos setíxeros. No prostomio presenta 4 ollos, 3 antenas e dous pares de cirros tentaculares; todas as antenas están cubertas de curtas papilas craviformes. Aproximadamente a primeira metade do verme está recuberta por 15 pares de élitros dispostos en parápodos  alternos, desde o segundo segmento ata o segmento setíxero 32 e que poden deixar visible a súa parte dorsal; a outra metade presenta unhas filas transversais de tres tubérculos en cada segmento. Os élitros son pequenos, case transparentes, de forma redondeada os anteriores e reniformes os posteriores. Os parápodos son birrámeos coa rama ventral máis desenvolta que a dorsal. Presenta claras papilas nefridianas a partir do sexto segmento quetíxero. O segmento anal está provisto dun par de uritos. A súa cor é variable, o dorso adoita ser pardo avermellado, mostrando a súa primeira metade unhas escamas gris metálico translúcidas que poden ter unha mancha central escura rodeada por unha zona máis pálida ou unha mancha pálida; as protuberancias da súa metade final son máis escuras.

Hábitat e bioloxía:
Desde os 5 ata os 40 metros de profundidade, baixo pedras ou en gretas de rocha, asociado sempre a vermes sedentarios dos que é comensal, especialmente de Eupolymnia nebulosa.

Distribución:
Desde Noruega ata o Mediterráneo.

Especies semellantes:
A súa forma e cor fano dificilmente confundibles con outras especies de poliquetos, excepto os exemplares xuvenís que poden ser confundidos con algunha especie do xénero Harmothoe.

Curiosidades:
O nome da especie, scolopendrina, deriva do epíteto latino "scolopendra" (vocábulo que designaba a certos animais con moitos pés ou patas) e co cal Linnaeus nomeou a un xénero da orde de miriápodos quilópodos e que se coñecen vulgarmente como "cempés”, referíndose á súa aparencia.

 

 

Non hai avistamentos